A CHMS e o Concello de Taboada asinan un convenio para mellorar o saneamento do municipio

RibeiraSacraXa
A inversión total estímase en 1.400.000 euros e as actuacións buscan mellorar a calidade das augas e dos ecosistemas fluviais afectados polas deficiencias do saneamento actual
convenio-chms-taboada
José Antonio Quiroga e Roi Rigueira
24 Oct 2025

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) levará a cabo importantes melloras no sistema de saneamento do municipio lucense de Taboada. O presidente do organismo, José Antonio Quiroga, e o alcalde de Taboada, Roi Rigueira, rubricaron esta mañá o convenio de colaboración que permitirá a execución das obras.

O convenio establece as condicións de financiamento e execución das melloras, así como o réxime de entrega e posterior mantemento das infraestruturas. A inversión total estímase en 1.400.000 euros, dos cales a CHMS aportará o 95% e o Concello o 5% restante.

No sistema de saneamento de Taboada, explican desde a Confederación, detectouse unha dobre problemática. Por unha banda, “os vertidos procedentes das rúas Academia e Anduriñas que chegan a unha fosa séptica sen capacidade suficiente” xeran vertidos de augas residuais sen tratar ao rego de Moreda. Por outra banda, o vertido da EDAR actual realizaase cara “un cauce de escasa entidade, con problemas para a dilución do mesmo”, o que provoca vertidos recorrentes que incumpren os parámetros autorizados.

“Para dar solución ao exposto, realizaranse as obras necesarias para o cambio do punto de vertido da EDAR ao rego de Moreda e para posibilitar a desconexión da fosa séptica existente nas rúas citadas para a súa conexión á rede municipal”, engadiu Quiroga.

Con estas actuacións búscase mellorar a calidade das augas e dos ecosistemas fluviais afectados polas deficiencias do saneamento actual. Ademais, trasladarase o punto de vertido da EDAR a un cauce de maior entidade, garantindo o cumprimento das normas de vertido ao medio receptor.

“Estas actuacións mellorarán a calidade das augas e dos ecosistemas fluviais afectados polas deficiencias do saneamento actual”, explicou o presidente. E engadiu que “a colaboración entre Administracións é clave para avanzar en proxectos que melloren e preserven o medio ambiente, de cara a un desenvolvemento máis sostible”.

⚙ Configurar cookies
0.070469856262207