A CHMS e o Concello de O Saviñao asinan un convenio para mellorar o saneamento en varios núcleos do municipio

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e o Concello de O Saviñao formalizaron un convenio de colaboración que permitirá levar a cabo diversas actuacións destinadas a mellorar o saneamento e a depuración en distintos puntos do municipio lucense. O acordo foi rubricado en Ourense polo presidente do organismo de conca, José Antonio Quiroga, e polo alcalde de O Saviñao, Juan Carlos Armesto.
As obras previstas centraranse nos núcleos de Fión, Marrube e Pesqueiras, onde se analizará a implantación de redes de saneamento e sistemas de depuración adaptados ás características de cada zona. No caso da parroquia de Fión, estudaranse solucións para lugares como Pousada–Aira da Vila, A Barxa, Abuime, Rendal–Vilariño, Fontela e San Mamede. En Marrube, as actuacións poderían chegar a Eirexa, Castiñeiras, Vilaseco, Vigo, Felón, Mandreira, Vilameá e Saa, mentres que en Pesqueiras se actuará no núcleo pertencente á parroquia de San Estevo de Ribas de Miño.
Segundo explicou Quiroga, “en función do que permita a orografía do terreo e tras unha análise custo-beneficio, deseñaranse as redes e estacións depuradoras que procedan”.
O investimento previsto rolda os dous millóns de euros, dos que o 95 % será financiado pola CHMS e o 5 % restante correrá a cargo do Concello de O Saviñao.
Desde o organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o seu presidente subliñou que “desde a CHMS queremos destacar o noso firme compromiso de colaboración para executar proxectos importantes que redunden na mellora do medio ambiente e que axuden a conservar e valorizar a riqueza natural e paisaxística coa que conta esta demarcación”.