A CHMS dedicou máis de 100.000 euros a mellorar o río Saa na Pobra do Brollón
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) investiu máis de 105.000 euros na mellora da capacidade de desaugadoiro do río Saa, na Pobra do Brollón.
Na inspección previa realizada, observouse a necesidade de mellorar, tanto a capacidade hidráulica do leito como a composición da vexetación de ribeira, ademais de detectar gran cantidade de madeiras inertes e tapóns illados.
Para solucionalo, procedeuse á retirada de árbores secas, enfermos ou con estabilidade comprometida que presentaban perigo de caída ao leito e que poderían afectar a infraestruturas próximas. Tamén se realizaron rozas selectivas de matogueira perimetral, poda e clarexo de ramas baixas e curta sanitaria de pés secos para evitar tapóns.
A intervención de natureza puntual e selectiva executouse ao longo de 6.800 metros por unha brigada composta por cinco operarios especializados con apoio de maquinaria para accións puntuais fóra do leito.
No caso de curtas de amieiros, aplicáronse as medidas ou recomendacións profilácticas co obxecto de evitar a propagación de Phytophthora alni.
Estas actuacións forman parte da programación anual de conservación e limpeza de leitos para a provincia de Lugo cuxa previsión para 2024 ascende a 1,1 millóns de euros.