A CHMS avanza na restauración hidrolóxico-forestal das zonas afectadas polos incendios

RibeiraSacraXa | OurenseXa
As actuacións están a realizarse especialmente nas zonas onde o lume reduciu a cuberta vexetal, provocando un aumento do fluxo de sedimentos cara aos cauces
rolda-de-prensa-chms-incendios
10 Nov 2025

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, continúa desenvolvendo traballos de restauración nas áreas danadas polos incendios do pasado verán.

O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, detallaron este luns as actuacións que se están a levar a cabo, especialmente nas zonas nas que o lume reduciu a cuberta vexetal, o que provocou un aumento do fluxo de sedimentos cara aos cauces e o conseguinte risco de erosión e degradación dos ecosistemas fluviais.

Os traballos inclúen a construción de pequenos muros de retención, a instalación de faxinas de troncos e pólas para frear o arrastre de materiais, a retirada de obstrucións e madeira queimada nos cauces, así como a reforestación dos bosques de ribeira.

“Tras os traballos de análise e comprobación da magnitude, o 9 de setembro dez brigadas do Programa de Conservación de Cauces comezaron a executar os traballos máis urxentes”, explicou Quiroga, lembrando que “o 24 de setembro o MITECO autorizou un investimento de tres millóns de euros para actuacións de emerxencia, posibilitando así o despregamento de 19 brigadas máis, seis delas para a área do incendio de Valdeorras”.

“Non podemos esquecer que estamos ante unha nova fase dos incendios, sendo imprescindible actuar tamén con rapidez en temas prioritarios”, sinalou o presidente da confederación, que puxo en valor que desde o inicio se traballou “na contención das cinzas nas proximidades de captacións de auga para garantir o abastecemento e na retirada de madeira e tapóns en zonas próximas a cascos urbanos, para evitar riscos de inundación”.

Quiroga destacou ademais que, malia os esforzos na aplicación de medidas preventivas, parte das cinzas poderían chegar aos cauces por causas meteorolóxicas ou polo arrastre de materiais desde zonas fóra da competencia do organismo.

Pola súa parte, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, lembrou que a actuación debe completarse cos traballos da Xunta de Galicia, responsable da xestión forestal, e chamou á Xunta a deixar “de botar culpas a quen está traballando e poñerse a traballar tamén”.

Santos destacou ademais que as brigadas contratadas pola CHMS comezaron a traballar “o 9 de setembro, nove días despois da extinción dos grandes incendios”, engadindo que “o Goberno de España comezou os traballos previos e o deseño do plan en agosto, anticipándose ao problema e elaborando unha folla de ruta en tempo récord”.

“Os traballos comezaron con rapidez, sen esperas, cunha elevada inversión e sen eludir responsabilidades”, remarcou Quiroga, quen concluíu asegurando que “só coordinados poderemos atenuar a problemática de contaminación por arrastres de cinzas cara aos cauces fluviais”.

⚙ Configurar cookies
0.087752103805542