A Casa da Cultura Olga Novo da Pobra do Brollón acolle un obradoiro de musicoterapia

A Pobra do Brollón acolle un obradoiro de musicoterapia, dirixido á poboación adulta, coidadores e á cidadanía en xeral. A actividade, organizada pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns, terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura Olga Novo o 6 de novembro de 17.00 a 21.00 horas.
Os asistentes aprenderán de xeito práctico sobre o uso da música para previr e mellorar a saúde física e mental. Deste xeito, preténdese promover o mantemento cognitivo, social, motriz e emocional e acadar benestar, tranquilidade e sentimentos positivos de autorrealización.
Co programa, que se enfoca na área cognitiva, na emocional, na física e na social, reflexionarase sobre o son, o ruído, o silencio e a música e identificaranse estilos de música adecuados ao grupo. Tamén se darán a coñecer os tipos de música que pomoven diferentes estados de ánimo e traballarase co corpo e a voz percibindo sensacións musicais.
Fomento da creatividade
Os participantes poderán cantar cancións que traballen os recordos, especialmente do folclore galego, así como poderán tocar instrumentos musicais fomentando a creatividade, a imaxinación e a realización persoal. No curso organizarase un baile que facilite momentos lúdicos e de distensión con sinxelos movementos corporais.
En xeral, traballarase o nivel de autoestima, a mobilización corporal a través do equilibro e a mobilidade funcional, melloraranse as relacións social a través dun sentimento de cohesión social, estimularase a memoria recente e fomentarase a atención e a concentración.
A actividade será impartida por Damián Cairo Touriño, profesor de música no conservatorio profesional da Coruña, Os interesados poden inscribirse na actividade a través da web.