A Casa da Cultura de Quiroga acolle a proxección dun documental ambientado na localidade

Este sábado, 31 de maio, ás 18:00 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura de Quiroga acollerá a proxección do traballo audiovisual “Galicia. Traballo, fervor e tradicións”, realizado pola parella de reporteiros belgas Michèle e Jean Meuris tras a súa viaxe por Galicia no 2023.
Durante aquela visita, os reporteiros percorreron distintos lugares da comunidade para coñecer o seu modo de vida e as súas tradicións. No outono chegaron tamén ás terras de Quiroga, onde participaron nunha xornada de preparación e celebración do Magosto coa veciñanza dos Anguieiros, na parroquia de Montefurado, da man da Asociación Sociocultural Boca do Monte.
Froito daquela experiencia naceu este traballo, que actualmente está a ser proxectado en varios puntos de Bélxica e do norte de Francia. Como xa anunciaran no seu momento, os autores regresan agora a Galicia para compartir o documental con quen fixeron posible parte do seu contido.
A proxección, aberta ao público, está organizada pola propia Asociación Boca do Monte e Os Anguieiros, e será unha oportunidade para revivir e compartir esa experiencia desde a ollada de quen a viviu por primeira vez como visitante.