A Casa da Cultura de Chantada acollerá no mes de maio cursos gratuítos sobre competencias dixitais para maiores

RibeiraSacraXa
As formacións están dirixidas a persoas maiores de 60 anos que poderán inscribirse ata o 28 de abril
dixitalizacion
13 Apr 2026

O Concello de Chantada acollerá a chegada do programa de formación gratuíta “Conexión Dixital Senior +”, unha iniciativa dirixida a persoas maiores de 60 anos co obxectivo de mellorar as súas competencias no uso das novas tecnoloxías e facilitarlles a relación coa contorna dixital actual.

A proposta inclúe dúas accións formativas diferenciadas e totalmente gratuítas, desenvolvidas pola entidade Euroformac e financiadas con fondos públicos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, impulsado a través dos fondos europeos Next Generation.

Por unha banda, ofrecerase unha formación centrada no uso de WhatsApp e na comunicación móbil, que se impartirá os días 4, 11 e 18 de maio en horario de tarde, de 16:30 a 19:30 horas. Ao longo destas sesións, o alumnado traballará desde o manexo básico da aplicación ata funcións máis avanzadas como chamadas e videollamadas, creación e xestión de grupos ou o uso de ferramentas como a localización en tempo real. Tamén se abordarán cuestións relacionadas coa personalización da aplicación, a xestión de contactos e a solución de problemas habituais, ademais de aspectos fundamentais de privacidade e seguridade para previr fraudes e protexer a información persoal.

A segunda formación estará centrada na xestión de trámites coa administración electrónica e desenvolverase os días 7, 14 e 21 de maio, tamén en horario de 16:30 a 19:30 horas. Neste caso, os contidos estarán orientados a familiarizarse co acceso ás sedes electrónicas e ás principais ferramentas de identificación dixital, como Cl@ve, o DNI electrónico ou o certificado dixital. Ademais, abordarase o uso de servizos habituais como a carpeta cidadá, a cita previa sanitaria ou a tramitación de solicitudes e axudas en liña, así como cuestións relacionadas coa seguridade, a prevención de erros e a resolución de incidencias frecuentes.

Desde o Concello de Chantada animan á veciñanza a participar nestas actividades, que están deseñadas para adaptarse ao nivel do grupo e resolver as dúbidas que poidan xurdir durante o proceso de aprendizaxe.

As persoas interesadas deberán inscribirse previamente na Casa da Cultura de Chantada, de maneira presencial ou a través do teléfono 982 441 752, antes do 28 de abril, xa que as prazas son limitadas.

0.11626505851746