A Casa da Cultura de Chantada acolle durante este mes de agosto dúas mostras
A Casa da Cultura de Chantada acolle durante este mes de agosto dúas mostras que teñen como protagonista Chantada con horario de visita de luns a venres de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas; agás os sábados, domingos e festivos, que será de 10.00 a 14.00 horas.
Así, durante todo o mes poderase visitar, 'Chantada, todo corazón', de Ana Seijas. Esta chantadina afincada en Málaga desde hai anos comezou a pintar como afeccionada no 2002. Despois de varias exposicións colectivas no 2012 fai a primeira exposición individual na Casa da Cultura de Chantada. Nesta ocasión regresa á súa vila natal cunha mostra baseada en vivencias e imaxes de Chantada.
Ademais, desde o día 8 deste mes e ata o día 28 cóntase coa exposición 'Creación Artística e Festas Tradicionais' que pon o foco no Folión de Carros, incluindo maquetas, carteis e xugos. Estas pezas poderán verse dentro da Casa da Cultura, mentres que no exterior contarase cunha mostra de carros. A Asociación Amigos do Folión, promotora da exposición monta outra na Praza do Mercado, ligada á memoria do Folión de Carros. Esta mostra está financiada polo Instituto de Patrimonio Cultural de España, dependente do Ministerio de Cultura e tamén se poderá visitar ata o 28 de agosto.