A candidatura do PSOE de Sober presentouse nun acto público no local social de Rosende
O PSOE de Sober presentou a súa candidatura ás eleccións municipais, liderada por Eladio Fernández, no local social de Rosende.
O secretario xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, participou nesta presentación, xunto á Deputada no Congreso Ana Prieto e o Senador César Mogo, entre outros responsables orgánicos do partido, ademais de militantes e simpatizantes do partido, e veciños e veciñas da localidade e da comarca da Ribeira Sacra.
José Tomé subliñou que a candidatura socialista “é a mellor para Sober, a necesaria para darlle un impulso e sacalo do letargo permanente ó que o ten sometido o actual Alcalde”.
A lista do PSdeG, “un grupo unido, con ilusión, compromiso, no que se mestura xente nova e a veteranía, e, o máis importante, con moitas ganas de traballar por Sober”, asegurou o líder provincial dos socialistas, “ten a capacidade para sacar adiante “políticas útiles para os veciños, escoitando a todos e todas, para crear e mellorar o servizos públicos, e promover iniciativas que favorezan a xeración de riqueza e de emprego”.
Pola súa banda, o candidato socialista asegurou que se presenta ás eleccións municipais “para facer de Sober un lugar aberto, onde todas e todos os veciños poidan ser partícipes das decisións que se toman no Concello, implicando a tódolos colectivos e a tódalas parroquias con equidade”. Avanzou que unha das primeira medidas que impulsará será aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal.
“Esta normativa urbanística é o instrumento de ordenación territorial máis importante do concello. Polo tanto, é imprescindible para a construción e urbanización do noso municipio”, afirmou Eladio Fernández, que é voceiro do PSdeG na Corporación e presidente de FADEMGA.
No eido turístico, destacou tamén que quere impulsar nos Muíños do Xabrega, ao carón do pantalán dos Chancís, novos recursos como a creación dunha senda peonil. “Queremos poñer en valor todo este magnífico entorno natural e, por suposto, poñer a funcionar os muíños e que non estean abandonados, xa que, despois de rehabilitalos, hai que continuar cun plan de mantemento e conservación, e non deixalos pechados. Hai que reactivar a súa promoción”, dixo.
O candidato socialista explicou ademais que nesta nova convocatoria electoral inclúe un grupo persoas, tamén mozas, de nova incorporación na lista do PSdeG, “que están desexando participar na vida política municipal con moitas propostas, para construír un Sober con perspectivas de futuro, onde poidamos vivir e traballar, e no que ademais non perdamos nin un só recurso e sumemos novos proxectos”.
A candidatura socialista de Sober está composta, ademais de Eladio Fernández, por Santiago Pérez Rodríguez, Venancio Pérez Pérez, Ángel Díaz Borges, Ángel Rodríguez Fernández, María Victoria Fernández Pérez, Rocío Salgado Macía, Ignacio Díaz López, Ana María Salgado Macía, Manuel Díaz Soto e Carmen Gallego Franco.