A candidatura do BNG da Pobra do Brollón está formada só por xente que está censada no concello
O BNG da Pobra do Brollón presenta a lista da candidatura para as eleccións do 28 de maio, na que propoñen un grupo que combina experiencia de goberno e novas incorporacións que “achegan ideas e ilusión dende as súas áreas de especialidade” comenta o candidato a alcalde, Xosé Lois Maceda.
Entre as novas caras, no número sete da lista, a técnico superior en administración e finanzas Marián Martínez de 42 anos, e no número seis, Noelia Besteiro, profesora de lingua e literatura galega, de 38 anos de idade.
Outras novas incorporacións son, no número oito Javier Monterde, avogado e técnico superior en riscos laborais de 60 anos de idade; e no número nove, Agapito Rodríguez, xubilado de Astano de 71 anos.
A lista se complementa no número dous co Manuel González; no tres, Ricardo Rodicio; cuarto, Josefa Rodríguez e no número quinto Óscar Rivera. Os candidatos suplentes son Xabier González, Héctor Maceda, Juan José González, Jesús Vila e José González.
Maceda salienta que, a diferencia das doutros grupos, toda a candidatura vive e está censada no concello, formando parte activa da vida comunitaria no día a día da Pobra do Brollón e as súas parroquias.
O BNG leva 16 anos gobernando na Pobra do Brollón “coa veciñanza no centro”, cun proxecto baseado nuns servizos sociais fortes que garantan a protección dos colectivos máis desfavorecidos; na igualdade de oportunidades de acceso á cultura, e na mellora das infraestruturas municipais para o benestar das veciñas e veciños.
“Formamos unha lista comprometida coa que pedimos á veciñanza a súa confianza para continuar o noso proxecto municipal, incidindo na calidade de vida de todas e todos,” declara Maceda.
O cabeza de lista afirma que a experiencia e a estabilidade institucional acadada ao fronte do goberno municipal demostra que “é posible facerse fortes ante os retos dun concello rural”, e “renova os nosos azos para continuar a traballar con aínda máis ilusión polo futuro colectivo da Pobra do Brollón”.