A campaña ‘Quere o teu mercado’ achegou o comercio local á veciñanza de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, a concelleira de Cultura, Marina Rajo, e a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, visitaron este sábado a Praza de Abastos de Monforte para fomentar o comercio de proximidade no marco da campaña internacional ‘Quere o teu mercado’, á que se sumou o Concello de Monforte e que se celebrou onte.
“Con esta iniciativa”, destacou o alcalde José Tomé Roca, “desde o Concello de Monforte sumámonos a outras accións que vimos desenvolvendo desde hai anos para fomentar as compras no pequeno comercio de proximidade, como é o caso da Praza de Abastos da nosa cidade”.
Neste sentido, o rexedor indicou que “as prazas de abastos, a través das canles curtas de comercialización, garanten a calidade dos produtos alimentarios galegos, e nelas conviven tradición e modernidade grazas á profesionalidade dos seus praceiros e praceiras”.
Como parte da promoción, desde o Concello organizouse unha degustación de produtos locais fornecidos polos praceiros da Praza de Abastos: queixos e embutidos, empanadas e petiscos de coidada elaboración, acompañados de viños da D.O. Ribeira Sacra. Con esta acción, preténdese animar á veciñanza a realizar as súas compras no mercado municipal, polo seu importante papel dinamizador da economía local e a súa capacidade para achegar alimentos frescos e de calidade á cidadanía.
"Mercar na praza é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada. Ademais, supón acceder a produtos frescos e galegos, fomentando unha dieta equilibrada e saudable", sinalan dene o Concello.
Durante o evento, as persoas asistentes puideron gozar de degustacións gratuítas de produtos gastronómicos da praza, acompañados de viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Tamén se fixo entrega das bolsas de tea da campaña ‘Quere o teu mercado’, promovida pola Dirección Xeral de Comercio.
Con esta iniciativa, o Concello de Monforte reitera o seu compromiso co impulso do pequeno comercio local, promovendo as compras de proximidade e poñendo en valor os produtos da Praza de Abastos, espazo que representa un equilibrio entre tradición e modernidade grazas á profesionalidade das súas vendedoras e vendedores, que ofrecen un servizo de calidade á veciñanza.