A campaña ‘Merca no teu comercio’ repartiu 1.000 euros en premios en Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil

Este mércores tivo lugar na sede da Federación Galega de Comercio o sorteo ante notario dos 1.000 euros en premios correspondentes á segunda campaña de Merca no teu comercio na provincia de Lugo, unha iniciativa de dinamización do comercio de proximidade que se desenvolveu entre o 1 e o 15 de xullo nas localidades de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil.
Esta campaña está organizada pola Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, coa colaboración neste caso da Asociación de Empresarios e Comerciantes Xeoparque do Courel. O obxectivo principal é estimular as vendas nos municipios rurais da provincia de Lugo, achegar aos clientes aos comercios e dinamizar o sector.
A participación nesta iniciativa, segundo sinala a organización, foi moi satisfactoria, rexistrándose un total de 2.833 tickets, pertencentes a compras realizadas nas tres localidades lucenses.
En total, sorteáronse 1.000 euros, repartidos en 20 tarxetas prepago de 50 euros, que serán entregadas ás persoas gañadoras nun acto que se celebrará o vindeiro mércores, 23 de xullo, ás 13:30 horas, na rúa Lago de Quiroga. Os gañadores, que serán contactados pola organización, deberán empregar as tarxetas en compras no comercio retallista das localidades onde se realizou a campaña.