A campaña de inverno da Ruta do Viño Ribeira Sacra comezou cun gran éxito de participación

A Ruta do Viño Ribeira Sacra puxo en marcha unha nova campaña baixo o lema “Ruta do Viño Ribeira Sacra; Refuxio de inverno, viño e calma” para posicionarse como un destino ideal para gozar durante os meses de inverno. Esta iniciativa combina accións de comunicación en medios coa organización de eventos promocionais, que comezaron este pasado sábado e que colgaron o cartel de “aforo completo”.
A campaña destaca o inverno como un momento para descubrir a Ribeira Sacra desde unha perspectiva “máis íntima e auténtica”, afastándose das aglomeracións e favorecendo o contacto coa natureza, o patrimonio e a cultura vitivinícola da zona. Segundo os responsables da organización, esta época permite desfrutar do territorio cunha calma especial, degustar o viño sen présas e conectar dunha forma máis profunda coa terra.
Con esta iniciativa, a Ruta do Viño Ribeira Sacra busca desestacionalizar o turismo do viño na rexión, promovendo experiencias de calidade durante todo o ano. Entre estas inclúense visitas a adegas, catas comentadas, propostas gastronómicas adaptadas á tempada invernal e actividades culturais, que ofrecen as máis de corenta entidades que forman parte desta ruta, como adegas, museos, aloxamentos, restaurantes, enotecas e espazos naturais.
Así, este sábado celebráronse os dous primeiros eventos promocionais abertos ao público. En Chantada, na adega Vía Romana, levouse a cabo unha experiencia inmersiva que cun percorrido guiado pola cultura do viño centrado no inverno e nas particularidades que vive a viña nesta estación. Alí, os volantes e maragatos do Entroido Ribeirao, fixeron unha aparición sorpresa atravesando as viñas de Vía Romana. A xornada incluíu unha visita guiada con actividades participativas, cata de viños especiais, degustación de gastronomía típica de inverno e actuacións musicais a cargo de Sabela Rey e o grupo Mallou cos seus Cantares da Terra.
Xa pola tarde, na adega Adega Vella de A Teixeira, os participantes gozaron dun auténtico escaparate de sabores e sons de inverno. O evento contou con visita guiada á adega, cata de viños seleccionados, degustación gastronómica un concerto.