A Cabalgata de Reis de Monforte modificará o seu percorrido polas obras na estación de Renfe

RibeiraSacraXa
Dará comezo na rúa Doutor López Suárez e continuará por Rosalía de Castro para seguir o percorrido habitual por Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal, a Avenida de Galicia, á altura da Ponte Nova, e o Campo de San Antón, ata chegar ao Concello
Cabalgata-Reis-Monforte
29 Dec 2025

O Concello de Monforte de Lemos celebrará o vindeiro luns, 5 de xaneiro, a tradicional Cabalgata de Reis, que este ano contará cun cambio no lugar de chegada e saída debido ás obras que se están a levar a cabo na estación de Renfe.

Segundo informou o alcalde, José Tomé Roca, as Súas Maxestades os Reis Magos chegarán ás 17:30 horas á pista cuberta situada na rúa Doutor López Suárez, fronte ao cuartel da Garda Civil, onde saudarán aos nenos e nenas que se acheguen a recibilos. Desde ese punto conformarase a comitiva real, integrada por catro carrozas cos Reis e os seus paxes, ademais da participación do alumnado de sexto de primaria dos centros educativos da cidade e de distintos grupos musicais e de animación.

A Cabalgata dará comezo ás 18:30 horas desde a rúa Doutor López Suárez e continuará pola rúa Rosalía de Castro para seguir o percorrido habitual por Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal, a Avenida de Galicia, á altura da Ponte Nova, e o Campo de San Antón, ata chegar á Casa do Concello.

No Concello, os Reis Magos serán recibidos polo alcalde, polas autoridades e polos membros da corporación municipal nas escaleiras da fachada principal. A continuación, as Súas Maxestades dirixiranse á cidadanía desde os balcóns do edificio e finalizarán a súa visita cunha recepción aos nenos e nenas na planta baixa do Consistorio.

Desde o Concello, o alcalde anima aos veciños e veciñas a participar nesta cita tan esperada e agradece a colaboración dos centros educativos CEIP Monforte, Escolapios, Fundación Educativa Torre de Lemos, Colexio Ferroviario e CEIP A Gándara.

0.19074106216431