A Biblioteca de Chantada iniciará un novo ciclo de contacontos no mes de novembro

RibeiraSacraXa
Será a partir do día 7 e terán lugar todos os venres con motivo do 25N
contacontos-biblio-chantada
29 Oct 2025

A Biblioteca Pública Municipal de Chantada comezará este mes de novembro, con motivo do 25N, un novo ciclo de contacontos, que se celebrarán o primeiro venres de cada mes, a partir do 7 de novembro.

Esta actividade súmase a outros servizos como os dous clubes de lectura activos: Albores de lectura fácil, que se reúne os mércores de 10:00 a 11:00 horas para ler en voz alta, e outro club de lectura para persoas adultas que se xunta unha vez ao mes para comentar un libro facilitado pola Biblioteca de Galicia ou polo Fórum Metropolitano da Coruña.

Por outra banda, as persoas con carné da Biblioteca poden acceder tamén ao servizo eBiblio, unha plataforma dixital gratuíta que permite o préstamo de libros electrónicos e audiolibros. Este servizo está coordinado polo Ministerio de Cultura e Deporte en colaboración coa Rede de Bibliotecas de Galicia, o que fai que o carné da Biblioteca de Chantada sexa válido en calquera biblioteca da rede.

Ademais desta programación mensual, a Biblioteca mantén unha estreita colaboración cos centros educativos do municipio. Nas últimas semanas, o alumnado do CEIP Eloísa Rivadulla visitou as instalacións para coñecer o seu funcionamento e participar en actividades de animación á lectura. Estas visitas organízanse en coordinación co profesorado e o persoal da Biblioteca.

“É de agradecer este tipo de iniciativas do profesorado que achegan as distintas aulas á Biblioteca, e aínda que moitos xa son usuarios habituais, sempre hai algún alumno ou alumna que non coñece as instalacións. É un pracer ver aos centros tan activos coa Biblioteca”, destacou o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez.

Na actualidade, a Biblioteca de Chantada conta con 1.425 persoas usuarias inscritas, das que 979 son adultas, 443 infantís e 3 institucións. O préstamo domiciliario continúa a ser o servizo máis utilizado, coa novela contemporánea como o xénero máis demandado entre o público adulto. No caso do público infantil, destacan os cómics de 'Policán' e coleccións como 'Os futbolísimos', 'Unicornia', 'Mortiña' ou 'Amanda Black', ademais da boa acollida da sección de libros para bebés.

⚙ Configurar cookies
0.071715831756592