A biblioteca de Chantada celebra o Mes dos Libros con agasallos, presentacións e contacontos

RibeiraSacraXa
A Biblioteca Municipal do Concello de Chantada prepara unha ampla programación para celebrar o Mes dos Libros e o Mes das Letras, conmemorando así o Día do Libro.
biblioteca_chantada
22 Abr 2024

A Biblioteca Municipal do Concello de Chantada prepara unha ampla programación para celebrar o Mes dos Libros e o Mes das Letras, conmemorando así o Día do Libro. Ademais o día 23 a Biblioteca Municipal agasallará cun libro a cada usuario que se dea de alta como socio.

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18.00 horas con Conta e canta con Blanca Millán e R. J. Peralta. Trátase dun contacontos musical co escritor R. J. Peralta e a ilustradora Blanca Millán, autores de Estou Ocupado, As filloas de Manora e Acouba Babau, que contan e tamén cantan os seus contos para a cativada. Unha actividade dinámica e participativa na que, a través de álbums ilustrados, contan, conversan e cantan sobre temas como as tradicións, o labor dos avós nas nosas familias e a amizade.

O venres, 3 de maio, ás 17.00 horas, a cita será con Tinta do Mar, pequena biografía de Luísa Villalta, con Polo Correo do Vento. Nesta actividade contan ilustran e musican a biografía da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. A seguinte proposta será o venres, 10 de maio, ás 17.00 horas co Obradoiro de malabares de Ramón Gato. Con esta actividade o artista de Chantada ensinará aos asistentes a fabricar os seus propios malabares e dará nocións sinxelas de como empregalos. Necesaria inscrición previa na Biblioteca ou chamando ao 982 441 752.

Fina Casalderrey presenta a súa última obra

Rematarase o 25 de maio ás 12.00 horas con A fraga dos Mouros, o bosque itinerante. Coa participación de nenos e nenas, unha moura e un trasno deben salvar o bosque atravesando probas e descubrindo a mitoloxía e a natureza galegas entre xogos, contos, cancións en vivo e malabares.

As actividades de entrada libre e gratuíta, especialmente pensadas para o público infantil, están subvencionadas pola Consellería de Cultura dentro da programación Ler conta moito e polo Concello de Chantada. Esta programación completarase coa presentación en Chantada, o 3 de maio, do último libro da profesora e escritora pontevedresa, Fina Casalderrey, que este ano pregoaba a XLI Feira do Viño de Chantada.

Fondo de máis de 20.000 exemplares

A Biblioteca Municipal de Chantada dispón dun fondo de máis de 20.000 exemplares e abre na casa da cultura, de luns a venres de 10.00h a 14. 00 horas e de 16.00 a 20.00. Nas fins de semana abre a sala de estudo nos horarios da oficina de turismo. Cóntase ademais cun club de lectura para adultos, no que cada mes as persoas asistentes reciben un exemplar do libro a ler e o último luns de mes reúnense para comentalo.

Dende xaneiro cóntase coa aplicación Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia que permite ter no móbil ou tableta acceso ao libro electrónico ou audiovisuais na plataforma de préstamo dixital, e ao mesmo tempo traer o carné sempre connosco. Para poder descargala é imprescindible ter carné de calquera biblioteca da Rede de Bibliotecas de Galicia.

“Cada día hai máis xente que vén facer o carné da biblioteca para poder descargar libros electrónicos na plataforma de GaliciaLe. No ano 2023 tivemos 444 prestameiros activos, con 107 novos inscritos. O préstamo total en 2023 foi de 6.632 exemplares”, destaca o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez.

0.15815997123718