A biblioteca de Chantada acolle unha sesión de contacontos polo Día das Bibliotecas

RibeiraSacraXa
Aida Cobas presentará a súa particular viaxe 'A fada do saco verde', a partir das 17.00 horas
nova-biblioteca-Chantada-2
23 Out 2024

Este xoves, 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas e, por tal motivo, no ánimo de difundir os valores da lectura e promover este tipo de cultura nos máis novos, a Biblioteca Municipal de Chantada programa unha sesión de contacontos.

Aida Cobas presentará a súa particular viaxe 'A fada do saco verde', a partir das 17.00 horas, ensinando a historia de Erea, unha fada diferente ao resto xa que non posúe poderes máxicos e isto fai que se sinta mal e que o resto de fadas se mofen dela. Ata que un día todo cambia cando os seres do bosque lle tecen un saco máxico no que pode gardar todo o que manca o mundo, e convértese así na fada do saco verde.

A Biblioteca Municipal de Chantada dispón dun fondo de máis de 20.000 exemplares e abre na casa da cultura, de luns a venres de 10.00h a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Nas fins de semana abre a sala de estudo nos horarios da oficina de turismo. Cóntase ademais cun club de lectura para adultos, no que cada mes as persoas asistentes reciben un exemplar do libro a ler e o último luns de mes reúnense para coméntalo.

0.059409141540527