A Banda de Sober anima coa súa música a xornada na que comezaría a Feira do Viño
De non ser pola actual situación sanitaria, Sober estaría celebrando esta fin de semana unha nova edición da Feira do Viño de Amandi. A pandemia obrigou a adiar esta cita, que se celebrará nos meses de verán se nada o impide, pero a Banda de Música quixo manter a tradición e animar coa súa música as rúas da localidade como adoita facer nos días da feira.
Así, os integrantes da banda fixeron un pasarrúas que serviu de lembranza da cita festiva e animou aos veciños e veciñas. No seu percorrido, os músicos incluíron unha parada diante da residencia de maiores Virxe do Carme, co fin de recoñecer os esforzos de traballadores e usuarios nestes tempos complicados. Algún dos internos animouse a bailar ao son da música que, por uns intres, devolveu a normalidade ao municipio.