A Asociación Veciñal do Saviñao transmite as queixas da veciñanza de Vilasante

RibeiraSacraXa
Dende a Asociación Veciñal do Saviñao instan á Alcaldía a realizar as diferentes solicitudes que trasmiten os veciños e veciñas de Vilasante.
devesa escairón obradoiro saviñao
26 Ago 2021

Dende a Asociación Veciñal do Saviñao instan á Alcaldía e partido da Corporación Municipal a realizar as diferentes solicitudes que trasmiten os veciños e veciñas de Vilasante. Por iso, a través da súa presidenta Celia Ferreiro Riazor, a asociación queren transmitir a queixa solicitada.

A principios do mes de maio do presente 2021 a asociación veciñal trasmitíulle unha solicitude dos veciños de Vilasante que "levan reclamando dende hai 10 anos". Nela requeríase do Concello a solución "ás augas fecais do alcantarillado que afloran na zona e ademais solicitábase a humanización do espazo público do lavadoiro para habilitalo para uso e reunión dos veciños de Vilasante".

Ademais, sinalan que "recentemente neste mesmo mes vimos como o Concello procedeu a actuar na área pero tan só realizou o desbroze da zona sen outra obra". De novo a veciñanza de Vilasante dirixíuse a asociación veciñal para queixarse da inacción e falta de atención por parte do Concello. Por esta razón, dende a asociación veciñal trasmítese de novo as peticións dos veciños de Vilasante.

Así pois, instan o saneamento do alcantarillado naquela zona, a rehabilitación das pedras e paredes do lavadoiro, a retirada dos tocóns e raíces que deixaron alí na última desbroza, a colocación duns bancos para facilitar a reunión dos veciños nesa área pública e a dotación de dúas ou tres farolas para iluminar a área.

Dende a asociación veciñal conclúen que "na procura de que se sintan cumplidas as peticións veciñais, solicítase á Alcaldía e partido da oposición que sexa tratado o tema nunha sesion plenaria".

0.15332794189453