A asociación veciñal do Saviñao, trala posta en valor do dolmen da Leira Rapada
Celia Ferreiro Riazor, presidenta da asociación veciñal do Saviñao, solicita á alcaldía do municipio a posta en valor do dolmen da Leira Rapada.
'O turismo cultural é respectuoso co medio ambiente, non é masivo nin agresivo co entorno e coa paisaxe da comarca onde vivimos. Debe ser o modelo a conseguir no territorio Ribeira Sacra, dadas as peculiaridades da nosa fráxil orografía que lle confiren o atractivo que está comezando a facerse notar', afirma Celia.
'Nestes últimos anos estamos vendo como todos os concellos do sur de Lugo están facendo esforzos por dar a coñecer os seus patrimonios culturais, científicos ou paisaxísticos para atraer ese cobizable turismo cultural ao territorio propio. Así o estan facendo en Quiroga, co percorrido e o museo xeolóxico, en Pantón coas xornadas do Románico ou en Sober cos seus miradoiros e petróglifos' resalta a presidenta da asociación.
Asimesmo, Celia asegura que 'No noso concello posuimos un tesouro por descubrir, que é o Neolítico. Temos 56 mámoas catalogadas, que deberían ser estudiadas para poder escavar algunhas e crear un itinerario neolítico, pero ese é un tema para reflexionar con tranquilidade. Dese conxunto megalítico temos ao descuberto dous dolmens: o de Abuíme, obxecto de numerosas visitas, e o da Leira Rapada, que posúe o interese engadido dos grabados petroglíficos na súa tapa'.
Precisamente esta solicitude pretende que se dea a coñecer e se destaque o valor deste monumento megalítico, o que reforzará a oferta de turismo cultural do municipio de O Saviñao. E é por estas razóns que solicitan ao concello: a sinalización metálica do dolmen polas estradas de acceso a Vilatán, o mantemento anual de limpeza e roza do camiño de acceso ao dolmen, a sinalización en madeira do camiño dende a estrada e nos dous cruzamentos existentes e a creación dun panel explicativo dos petróglifos da tapa (dado que non é fácil descubrilos a simple vista, para este traballo a asociación ofrece un calco dos gravados e dos círculos da tapa que se fixera cando se descubriu, no ano 2014).
A asociación veciñal de O Saviñao, ' garda a esperanza de que o concello asuma estas sinxelas intervencións para poñer de relevo a importancia deste exclusivo patrimonio arqueolóxico'.