A asociación veciñal do Saviñao denuncia un vertedoiro ilegal no casco urbano de Escairón

RibeiraSacraXa
O colectivo cualifica de “nefasta” a xestión municipal dos residuos pola ocupación reiterada dun soar público como escombreira incontrolada
residuos-O-Saviñao
12 Jan 2026

A Asociación Veciñal do Saviñao vén de denunciar o que considera unha “nefasta” xestión dos residuos por parte do Concello, ao empregar de maneira continuada e reiterada un soar de titularidade municipal como vertedeiro ilegal e escombreira no casco urbano de Escairón. Segundo explica o colectivo, trátase dunha área pública situada na Lama de Escairón, moi próxima a vivendas e ao centro de saúde, que leva máis dun ano sendo utilizada como depósito incontrolado de residuos.

A asociación sinala que este espazo, que no pasado estaba destinado ao adestramento de cans de caza, atópase na actualidade completamente ocupado por escombros de obra, electrodomésticos e enseres domésticos, ata cubrir a totalidade da parcela, cunha superficie aproximada de dous mil metros cadrados. Engaden que o vertedeiro non conta con ningún tipo de peche perimetral e que medra e se expande día tras día.

O colectivo veciñal lembra que distintas empresas da construción veñen demandando un espazo habilitado onde depositar os restos de obra, debido ao incremento da actividade de rehabilitación de vivendas no municipio. Neste contexto, a presenza deste vertedeiro ilegal reforza, segundo a asociación, a necesidade de crear un Punto Limpo oficial no antigo mercado gandeiro, unha instalación que conta con portal de entrada e peche e cuxa posta en marcha xa foi trasladada en numerosas ocasións ao alcalde.

Segundo denuncian, a resposta do rexedor foi sempre a mesma, argumentando que sería necesaria unha persoa dedicada á xestión do Punto Limpo, algo que o colectivo considera un obstáculo asumible para a administración municipal. A asociación veciñal insiste en que nos tempos actuais non é aceptable nin acorde coa legalidade ambiental e urbanística o depósito de residuos nun soar situado no casco urbano de Escairón.

Ante esta situación, o colectivo asegura que non queda outra alternativa que a denuncia pública dunha xestión deficiente dos residuos e do lixo doméstico, coa finalidade de que a Corporación local adopte dunha vez por todas medidas efectivas, poña fin ás irregularidades existentes e dea unha solución definitiva á xestión dos residuos no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.069314002990723