A Asociación Veciñal do Saviñao denuncia as plantacións masivas de eucaliptos

RibeiraSacraXa
Trátase de dous núcleos; un próximo a Curveixe, en Santa Mariña de Rosende, e outro na Albariza e A Armada, na parroquia da Broza.
eucalipto_saviñao (1)
7 Xuño 2022

Trátase de dous núcleos, un próximo a Curveixe, na parroquia de Santa Mariña de Rosende de 2,118 Has., e outro na Albariza e A Armada, na parroquia da Broza de 7,985 Has.

A Asociación Veciñal do Saviñao vén de denunciar á Dirección Xeral de Xestión Forestal da Consellería de Medio Rural dúas plantacións recentes de eucalipto no municipio do Saviñao. Denúnciase que ditas plantacións teñen un e dous anos, polo que foron realizadas despois da moratoria aprobada pola Xunta contra a proliferación do eucalipto na comunidade.

Dada a proliferación de plantacións ilegais de eucalipto nos concellos do sur de Lugo, "maila pertencer á VIII área forestal onde non está recomendada esta especie por Decreto da Xunta de decembro do 2016", advirte a asociación veciñal, quen amparándose na protección do medio ambiente, manifesta a "clara oposición á proliferación desta especie".

Múltiples razóns para opoñerse ao eucalipto

Dende a Asociación Veciñal do Saviñao informan que o eucalipto é "unha especie foránea que trae a modificación da paisaxe e da natureza, destrozando os nichos biolóxicos de flora e fauna e alterando os cultivos forestais tradicionais". Asemade, destacan a súa rápida capacidade invasora, contribuíndo á "desecación do chan e das augas soterradas, causando o empobrezemento acelerado do solo e contribuíndo á aceleración do cambio climático".

Ademais, reivindican o feito de que "na zona sur de Lugo existen moitas especies de árbores autóctonas e tradicionais que deberían potenciarse dada a súa adaptación e integración, e tamén pola maior rendibilidade económica potencial". Entre elas citan o carballo, castiñeiro, nogueira, bidueiro, abelaira, frutais mazaira, pereira, membrilleira, érbedeira, etc.

Con estes argumentos, a asociación  seguirá denunciando este tipo de plantacións no municipio, pois consideran que "o benestar xeral e o interese medio ambiental da sociedade do Saviñao debe prevalecer sobre o beneficio económico dos intereses paticulares".

0.12816715240479