A Asociación Quiroga en Marcha organiza o IV Encontro en torno ao viño

A Asociación Quiroga en Marcha organiza unha nova edición do seu Encontro en torno ao viño, que se celebrará os días 13, 14 e 15 de xuño baixo o título “Montefurado; Patrimonio e Terroir”. A cita busca poñer en valor a riqueza vitivinícola e histórica da subzona da Ribeira Sacra a través de visitas, conferencias e catas guiadas.
O programa arranca o venres 13 ás 21:00 horas cunha visita á adega Alvaredos-Hobbs, acompañada polas enólogas Cecilia Fernández e Alba López, que guiarán aos participantes a través do proceso de elaboración dos viños e os viñedos da zona.
O sábado 14 comezará ás 11:00 da mañá cunha conferencia na Casa da Cultura de Quiroga, a cargo de José Joaquín López Sánchez, director técnico adxunto da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, centrada no Túnel romano de Montefurado. Ás 12:00 horas, celebrarase unha mesa redonda titulada “El Terroir de Montefurado”, coa participación de destacados representantes do sector: Fernando Algueira (Algueira), Evaristo Rodríguez (Abadía da Cova), Víctor Aira (Adamare Wines) e David Pascual (Casa de Outeiro).
Xa pola tarde, ás 19:30 horas, terá lugar unha visita guiada aos viñedos da bodega Casa de Outeiro, conducida por Juan Luis Vázquez.
O domingo 15, como peche do encontro, está prevista unha visita comentada ao túnel romano de Montefurado, cun percorrido entre viñedos e explicacións sobre o proceso de recuperación das plantacións tradicionais da man de Víctor Aira.
As actividades teñen prazas limitadas, agás a conferencia e a mesa redonda, polo que é necesaria a inscrición previa no correo quirogaenmarcha@gmail.com. O prezo de participación é de 30 euros, que inclúe o autobús, visitas e degustacións.