A Asociación Prodeme participará en diversas actividades deportivas durante este mes
A asociación Prodeme levará a cabo unha serie de actividades deportivas en diversas localidades, participando en eventos organizados por diferentes entidades co obxectivo de promover a inclusión a través do deporte.
Así, as actividades darán inicio o día 11 de maio en Antas de Ulla, onde a asociación participará nun campionato autonómico de campo a través e petanca organizado por Special Olympics Galicia. Máis de cincuenta deportistas da entidade monfortina asistirán ao evento.
Paralelamente a esta competición, cinco xogadores pertencentes á asociación foron convocados polo CD Lugo da Liga Genuine e viaxarán a Burgos co equipo a disputar partidos toda a fin de semana.
A seguinte semana, do 16 ao 19 de maio, seis deportistas da asociación viaxarán a Castellón de La Plana para participar nun campionato nacional de pádel organizado por Special Olympics España. A expedición estará dirixida polos adestradores Manuel Luaces e Belén Pérez. "É a primeira vez que asistimos a un evento deste tipo e o noso obxectivo é gozar, coñecer novas persoas e avaliar o nivel dos nosos xogadores con respecto a outras entidades", comentou Manuel Luaces.
Para pechar o mes de actividades deportivas, do 31 de maio ao 2 de xuño, cinco xogadores da asociación participarán nun torneo internacional de fútbol sala que se disputará en Aragón, como parte dunha selección galega integrada por xogadores de Prodeme e da asociación ASPAS de Santiago.