A Asociación Micolóxica Lactouros e Coureleando organizan un Curso de Orientación e Sendeirismo en Montaña

A Asociación Micolóxica Lactouros puxo en marcha unha nova iniciativa formativa en plena serra do Courel. Do 4 ao 6 de abril, en colaboración con Coureleando S.C., organizará un Curso de Orientación e Sendeirismo dirixido a todas aquelas persoas interesadas en aprender a desprazarse con seguridade pola montaña, interpretando o terreo e utilizando a brúxula de maneira correcta.
O curso terá lugar en Paderne, concretamente en Casa Caselo, e incluirá tanto formación teórica como práctica. Durante as xornadas realizaranse saídas diúrnas e nocturnas que permitirán aplicar os coñecementos adquiridos en situacións reais. A programación arrancará o venres cunha sesión teórica, seguida dunha cea e unha saída práctica pola zona. O sábado estará dedicado a unha ruta de orientación polo monte tras o almorzo, e rematará cunha cea e unha saída nocturna para perfeccionar as técnicas aprendidas. O domingo, último día do curso, as persoas participantes asistirán a unha breve sesión de teoría antes de enfrontarse a unha carreira de orientación de cinco quilómetros con cinco balizas.
O prezo do curso é de 150 euros e inclúe a formación, o aloxamento e as comidas durante os tres días. Para aproveitar ao máximo a experiencia, a organización recomenda levar brúxula, calzado e roupa de montaña, unha mochila con auga e algo para picar, ademais dun frontal para as actividades nocturnas.
As prazas son limitadas e as inscricións realizaranse a través de WhatsApp, contactando co número 671 473 982. Esta iniciativa supón unha oportunidade única para conectar coa natureza e adquirir habilidades esenciais para a orientación en contornos montañosos.