A Asociación Galega de Viticultura denuncia que a Xunta está esperando ao remate da campaña para publicar a Orde

A Asociación Galega de Viticultura (AGV) volve alzar a voz diante da crise que afecta á Denominación de Orixe Ribeira Sacra e reclama á Xunta de Galicia que abandone as “medidas curtopracistas” e aposte por solucións estruturais que garantan a sustentabilidade da viticultura na zona. Desde a entidade sinalan que a falta de planificación por parte da Consellería do Medio Rural non fixo máis que agravar unha situación que xa era delicada.
Segundo a AGV, o problema non xurdiu de súpeto. “Levamos tempo advertindo de que o consumo de viños tintos estaba en caída desde a pandemia”, explican, e engaden que moitas adegas da Ribeira Sacra acumulan excedentes sen saída. Con todo, denuncian que a administración autonómica “non actuou a tempo”. Só cando a situación se volveu insostible e algunhas adegas decidiron non recoller uva, a Consellería reaccionou cun plan de urxencia que, para a asociación, resultou ineficaz.
Dito plan incluíu unha destilación de crise que afectou a 500.000 litros de viño cun custo de 350.000 euros e unha orde de axudas para a poda en verde á que só se acolleu o 1 % da superficie da denominación, cun gasto engadido de 63.000 euros. “En total, máis de 400.000 euros en medidas estériles que non resolveron o problema de fondo”, lamentan desde a AGV.
A organización propón en cambio convocar unha Mesa do Viño, un foro de diálogo que reúna a todas as partes implicadas —viticultores, adegas, consellos reguladores e organizacións agrarias— co obxectivo de deseñar unha estratexia sólida e compartida. “Fronte á improvisación, hai que apostar por planificación, diálogo e visión a longo prazo”, insisten.
Entre as propostas da AGV destaca a implantación de contratos homologados con prezos garantidos, que ofrezan estabilidade ao sector produtor. Esta medida, subliñan, debería estenderse non só á Ribeira Sacra, senón a todas as denominacións galegas. Tamén reclaman que os prezos pagados estean por riba dos custes de produción, algo que consideran “imprescindible” para a viabilidade económica do sector.
Para isto, urxen á Xunta a realizar un estudo actualizado dos custes de produción da uva, xa que os existentes están obsoletos e non serven como base para unha política coherente. Ademais, propoñen modificar a Lei da Cadea Alimentaria para que os prezos mínimos deixen de establecerse de maneira individual e pasen a basearse nos estudos validados pola Administración. “Agora mesmo estamos en inferioridade de condicións. Cómpre que eses estudos sexan obrigatorios e vinculantes”, defenden.
Outro dos puntos clave que defenden desde a AGV é a necesidade dunha estratexia seria de comercialización. A entidade propón unha campaña de promoción interna dos viños tintos galegos para incentivar o consumo dentro de Galicia e aliviar así a presión sobre as adegas. En paralelo, ven fundamental potenciar a promoción exterior e diversificar mercados, reducindo a dependencia do mercado estadounidense, ao que cualifican de “inestable e insuficiente”.
“A Ribeira Sacra non pode sobrevivir a base de parches e improvisacións”, conclúen. Desde a asociación deixan claro que é preciso un compromiso real co territorio, cunha visión de futuro que garanta a continuidade dunha actividade que, ademais do seu valor económico, é clave para a preservación dunha paisaxe e dunha cultura únicas.