A asociación Fonte do Milagro recupera este domingo a Romaría dos 4 Cabaleiros

A asociación Fonte do Milagro organiza este domingo, 6 de xullo, a Romaría dos 4 Cabaleiros, recuperando unha festa que se celebrou por última vez no 2001 e que pretende promover a unión entre a veciñanza.
A cita dará comezo cunha sesión vermú a cargo do grupo Érbedo. Pola tarde haberá unha sesión de baile co grupo orquestral Courelouzara. Ademais, as persoas asistentes poderán gozar de xogos tradicionais como A Chavé ou a Rá.
O evento terá lugar no Alto do Couso, un lugar simbólico onde conflúen os catro concellos da Pobra do Brollón, Folgoso do Courel, Samos e O Incio. O encontro será ao carón do punto xeodésico e da antiga caseta de vixilancia de incendios.
A Mesa dos Catro Cabaleiros é un símbolo de unión entre estes catro concellos lucenses cheo de historia e tradición. Segundo a lenda que percorre estas terras, nesta cume reuníanse na época medieval os señores que gobernaban estas catro zonas para tratar asuntos de xurisdición e resolver calquera tipo de discrepancia. Ao redor desta mesa celebrábase cada ano unha festa o último sábado do mes de xullo, na que se xuntaban os catro alcaldes, acompañados por catro párrocos e catro gaiteiros, un representante de cada Concello.