A Asociación Española Contra o Cancro de Lugo presentará en Quiroga o seu novo modelo de atención integral

A Asociación Española Contra o Cancro en Lugo organizará en Quiroga un acto con motivo do Día Mundial do Cancro para dar a coñecer o seu novo modelo de atención integral. A iniciativa busca achegar á cidadanía unha proposta centrada en ofrecer unha resposta máis humana e adaptada ás necesidades reais das persoas con cancro e do seu contorno.
Desde a entidade sinalan que falar de humanización implica comprender que cada proceso oncolóxico é diferente e que, tanto para o paciente como para a súa familia, a enfermidade tradúcese en necesidades concretas. Por iso, o novo modelo baséase nas prioridades que as propias persoas afectadas e os seus familiares identificaron como esenciais para recibir unha atención máis próxima e completa.
O acto, aberto a toda a veciñanza, celebrarase o mércores 25 de febreiro ás 17.00 horas na Casa da Cultura de Quiroga.
Co motivo desta convocatoria, que coincide coa data prevista para a celebración do habitual Faladoiro no Centro Social, a Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá decidiu ceder o protagonismo a esta presentación. Desde o departamento municipal destacan que se trata dunha cita de alto interese público e animan á veciñanza a participar.