A Asociación de Veciños de Parteme pide a dimisión do pedáneo da parroquia tras quedar pechada cinco días
A Asociación de Veciños de Parteme pide a dimisión do pedáneo da parroquia de Parteme despois de que non dera explicacións por manter pechado o pobo durante cinco días.
Algúns dos veciños de Parteme achegáronse ao Concello de Quiroga para entregar un escrito no que pedían a dimisión desta figura de representación dos veciños, que din, "non representa nin loita polos veciños de Parteme".
A pesar de ter presentado este escrito a finais de abril din que a día de hoxe aínda non tiveron contestación, "a pesar de que Julio Álvarez si contestou ás queixas duns pais polas anomalías na escola infantil que se produciron na mesma data que nós presentamos o escrito".
Por iso, desde a Asociación non entenden "como é posible que entrando ambos os escritos o mesmo día, un deles vai a prensa, pedindo a dimisión da directora e o noso, no que pedimos a dimisión dun pedáneo, a día de hoxe non teña resposta", denuncian.
"A verdade é que desde a Asociación de Veciños preguntámonos se Julio Álvarez ten a mesma vara de medir para todos, se coñece o que é unha democracia e se sabe o que é ter vergonza", sosteñen.
Por último, cren que "estando nunha democracia todos somos iguais e todos temos os mesmos dereitos. Non se pode utilizar a posición de alcalde para machucar a uns e a outros tratalos coma se non existisen". Así, piden de novo e publicamente a dimisión do pedáneo de Parteme e "que tanto el como o alcalde se reúnan coa asociación para dar explicacións".