A Asociación de Veciños de Parteme pide á Deputación que as ambulancias cheguen á aldea
Representantes da Asociación de Veciños de Parteme, aldea da parroquia de Nocedo, no concello de Quiroga, acudiron á Deputación de Lugo acompañados de membros da Federación de Asociacións Veciñais da Provincia de Lugo e do portavoz da agrupación do PSdeG-PSOE de Quiroga, Vicente Parra, e o secretario, Antonio Quiroga, para achegar as súas principais necesidades.
Entre as súas demandas, argumentaron á voceira socialista do Goberno provincial e responsable da área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; a necesidade de habilitar unha solución para que as ambulancias poidan chegar ao núcleo da aldea de Parteme.
Esta é unha reclamación que os veciños levan tempo plantexando ante o Concello, sen que ata o momento se teñan adoptado medidas para resolver un problema de mobilidade que afecta á calidade e á rapidez dos servizos sanitarios ós que teñen dereito os veciños.
Pilar García Porto escoitou a exposición dos veciños e comprometeuse a estudar a situación para ver as posibilidades de dar resposta a unha demanda dos veciños "que concorda coas grandes liñas de traballo que desenvolvemos en cooperación cos concellos, como son a aposta pola mobilidade e, dende logo, garantir que todos os veciños, vivan onde vivan, teñan acceso a unha atención sanitaria de igual calidade", explicou.
Xunto coa demanda concreta de melloras de acceso, os veciños de Parteme lamentaron a falta de resposta do Concello ante os escritos que lle presentaron para expoñer carencias en materia de infraestruturas, limpeza e iluminación.
Piden fosas sépticas, desaugadoiros –que na actualidade saen ao medio dun camiño público-, rozas, arranxo de rúas, abastecementos de auga potable para as casas, actualización da iluminación pública ou limpeza de camiños públicos. Esta situación que, explicaron, os levou xa a dirixirse á Valedora do Pobo para reclamar que o Concello lles dea resposta á vintena de escritos que lle teñen dirixido e que, de momento, non foron atendidos polo consistorio.
Pilar García Porto, pola súa parte, sinalou que a Deputación "é a casa de todos os veciños e veciñas da provincia de Lugo, e imos ter sempre as nosas portas abertas para reunirnos con eles, escoitar e tentar dar resposta ás súas necesidades. Dende a lealdade institucional e o traballo cos concellos, especialmente cos do rural, que é a razón de ser da Deputación", sostivo.