A Asociación de Veciños de Bazal celebrou unha vista a Lalín

A Asociación de Veciños de Bazal organizou unha visita a Lalín para comer un cocido aproveitando a tempada de outono. Os asistentes pasaron o día na capital do Deza e xantaron no restaurante e museo etnográfico rural Casa do Patrón.
A viaxe contou coa participación dunha trintena de persoas, “alguna delas de case 90 anos”, explica o presidente da asociación veciñal, Carlos Escudero, que salienta que os veciños “puideron ver ferramentas e outros utensilios cos que traballaban antes. Tamén familia ou fillos dos asociados que están fóra e viaxaron con nós”. Ao remate, sinala, “estaban todos encantados e pensando en repetir”.
A ociación de Veciños de Bazal botou a andar fai máis de dúas décadas nesta parroquia pantonesa, pero esta foi a súa primeira viaxe. A seguinte saída que demandan os socios, explican dende a asociación é A Mariña, para visitar As Catedrais na primavera.
Ademais, no que queda de ano, asociación que conta con 53 asociados nunha aldea de vinte e poucos veciños, organiza un magosto para o 1 de novembro e desde mediados do vindeiro mes iluminarán vistosamente Bazal para felicitar o Nadal.