A Asociación de Pensionistas e Xubilados de Pantón prepara cinco viaxes por Galicia e España
A Asociación de Pensionistas e Xubilados de Pantón prepara cinco novas actividades baseadas en viaxes, que inclúen visitas dun día a distintos puntos de Galicia e viaxes dunha semana ao resto de España, para o máis de medio milleiro de persoas que forman parte dela.
En abril teñen programada unha semana en Benidorm, de maio e xullo, nos últimos mércores de mes visitarán a Praia das Catedrais e outros puntos da Mariña, a illa pontevedresa de Tambo, O Vicedo e a fábrica de Sargadelos; e en outubro visitarán Granada.
“O que máis lles gusta aos socios son as viaxes, para a illa de Tambo xa reservaron 90 persoas. Temos xa 76 reservas para Benidorm, case medio cento para ir ao Vicedo e outras tantas para As Catedrais”, destaca o presidente da Asociación, José Luis Labariñas.
"Movémonos nun balance equilibrado entre coñecer Galicia e visitar o resto de España"
“A xente quere viaxar, podemos coñecer nun día algo de Galicia que moita xente do rural non a coñece e está encantada; e coñecer moito de España con esas viaxes dunha semana coas que temos estado en Extremadura, en Cádiz, en Zaragoza, en Alicante… Creo que nos movemos nun balance equilibrado entre coñecer Galicia e visitar o resto de España”, asegura Labariñas.
A Asociación, fundada no ano 2002, intégrana sobre todo parellas e despois son máis mulleres ca homes, “porque os homes falecen e elas quedan viúvas; contamos con bastantes persoas de máis de 90 anos. En xeral, os asociados participan das actividades ata que, pola idade ou por saúde, deixan de andar e de poder ir ás comidas ou ás viaxes”.
Ademais, celébranse dúas comidas ao ano, unha a comezos de maio, coincidindo coa Asemblea da Asociación e outra en outubro ou novembro. “No xantar de novembro do pasado ano eramos 361 persoas no Balneario", explican. E tamén teñen un baile cun dúo… "Iso é fenomenal", conclúen.