A Asociación de Familiares de enfermos de Alzhéimer de Chantada desenvolve un programa para coidadoras
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visita a Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer de Chantada (AFA) que vén de desenvolver, co apoio da Xunta de Galicia, un programa de apoio integral a 15 mulleres coidadoras de familiares con esta patoloxía.
A través da iniciativa Gabinete de apoio á muller coidadora, a entidade ofrece a estas persoas que, tal e como destaca López Abella, “habitualmente fan renuncias vitais e profesionais importantes para poñerse á fronte dos coidados”, orientación, atención psicolóxica, de mediación familiar e actividades para favorecer a súa empregabilidade e orientación laboral. “Estas medidas”, tal e como subliña, “resultan fundamentais para unha activación persoal e social das mulleres afectadas”.
Tal e como puido coñecer a secretaria xeral, o 17% dos fogares da comarca chantadina contan polo menos cunha persoa dependente. Máis do 80% das coidadoras principais son mulleres -esposas, fillas, irmás, noras- tal e como ten constatado AFA. “A labor que desempeñan ten un custe económico, pola merma de ingresos no momento de asumiren os coidados, pero tamén da saúde física e psicolóxica”, remarca López Abella.
A Xunta achegou 23.600 euros para o desenvolvemento do programa, no marco dos apoios que cada ano convoca para que entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro desenvolvan iniciativas dirixidas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. As coidadoras insírense neste colectivo, destaca a secretaria xeral, ao ter que padecer moitas veces sobrecarga que pode afectar ao seu rendemento e xerar inestabilidade laboral, é mesmo pola asunción doutros coidados de fillas e fillos e tarefas de ámbito doméstico complementarias á atención da ou das persoas enfermas ao seu cargo.