A Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next prepara a súa posta en funcionamento

A Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next prepara neste mes de maio a súa posta en funcionamento, definindo entre todas as empresas asociadas, as primeiras accións a desenvolver. Para iso celébranse no Parador de Turismo de Monforte de Lemos unhas xornadas de traballo con dinámicas de participación grupal para identificar conxuntamente as principais necesidades e prioridades dos socios e do territorio.
Os encontros desenvólvense os venres pola tarde coa presenza dun máximo de 20 empresas, número adecuado para poder desenvolver este tipo de dinámicas grupais que están guiadas polo equipo redactor do Plan Estratéxico da Asociación.
Ao remate destas xornadas contarase con 8 liñas básicas de actuación e a prioridade a darlle a cada unha. “A Asociación terá así cun plan de acción para as necesidades reais dos asociados, resultado dun proceso participativo onde cada integrante da asociación aporta a súa visión”, explica o secretario da Asociación, Severino Rodríguez.
Estas xornadas grupais para asociados son resultado do Plan Estratéxico que a Universidade da Coruña levou a cabo para a Asociación e que se presentaba no restaurante Don Manuel, en febreiro deste ano coa asistencia de case 200 persoas interesadas na actividade que desenvolve este colectivo empresarial.
Tamén neste mes de maio confirmábase a forma xurídica definitiva coa que se traballará, déixase Agrupación de Interese Económico (AIE) para denominarse: “Asociación de Empresas Ribeira sacra Next”.
Parte do equipo da Asociación avanza tamén no proceso de selección para a Xerencia. A empresa que xestiona ás candidatas e candidatos xa enviou os perfiles que máis se adaptan ás necesidades da Asociación e nos próximos días comenza o proceso de selección, no que pode participar tamén calquera empresa asociada que o desexe.