A Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next convoca eleccións para a súa Xunta Directiva

A Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next, creada a principios de 2023 para unir demandas e solucións no tecido empresarial da Ribeira Sacra nas provincias de Lugo e Ourense, inicia unha nova etapa coa convocatoria de eleccións para a súa Xunta Directiva.
Desde a súa fundación, un Consello de Administración provisional encargouse de poñer en marcha a Asociación e sentar as bases para o seu desenvolvemento.
Este verán, a entidade deu un paso fundamental coa contratación dunha Xerencia. Tras varios meses de selección, escolleuse a David Diéguez, de 34 anos e natural de Lugo, que aporta experiencia na xestión empresarial, banca e dinamización de asociacións de diversos sectores. Agora, a Asociación avanza na consolidación do seu funcionamento coa elección da Xunta Directiva.
O prazo para presentar candidaturas será do 1 ao 15 de setembro mediante correo electrónico a comunicacion@ribeirasacranext.gal. As listas deberán incluír todos os membros propostos para os cargos de presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a, tesoureiro/a e vogal/es, así como as sinaturas dos integrantes e do responsable da lista. A difusión das candidaturas admitidas realizarase do 16 ao 25 de setembro a través dos medios da Asociación.
A xornada de votación celebrarase o 26 de setembro no Casino Ateneo de Monforte en horario de 9:00 a 21:00 horas. O reconto realizarase tras o peche da urna e os resultados comunicarase nas horas posteriores, garantindo transparencia, participación e legalidade. Desde a Asociación destacan a importancia da implicación dos socios para conformar unha Xunta Directiva comprometida en seguir impulsando o proxecto.