A Asociación Baturruka súmase ás condenas polo ataque cotra edificio de Prodeme en Monforte

A Asociación Baturruka fixo público o seu “máis rotundo rexeitamento” ao ataque sufrido contra o edificio de Prodeme en Monforte de Lemos, no que ensaiaba desde hai anos e onde gardaba parte dos seus instrumentos. Segundo sinalan, moitos deles quedaron afectados polo incendio provocado tras o lanzamento dun cóctel molotov.
O colectivo subliña que o feito de que a agresión se producise “precisamente na sala que Prodeme nos cedía para ensaiar dálle unha dimensión máis dolorosa, porque non só se atentou contra un proxecto de acollida solidaria, senón tamén contra a cultura e a convivencia que nós representamos”.
Baturruka agradeceu “de corazón” ao barrio do Val de Lemos a acollida recibida ao longo destes anos e tamén a Prodeme “pola cesión desinteresada do espazo durante todo este tempo, facendo posible que tivésemos un lugar onde medrar e compartir música”.
Na súa declaración, a asociación lanza unha mensaxe clara: “Non ao racismo, non á xenofobia, non ao odio”. Lembran que “estes discursos só sementan división, medo e violencia” e apelan a responder con “solidariedade, convivencia, cultura e dignidade”.
“A música que facemos é un canto á diversidade e á unión, e por iso seguiremos adiante, máis fortes e comprometidas ca nunca, para demostrar que o odio non terá a última palabra”, remata o comunicado