A Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada presenta o proxecto do ‘Museo Manuel Jorge'
A Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada presenta o proxecto de rehabilitación do edificio que adquiriu no Cantón para ser convertido no futuro Museo Manuel Jorge.
No acto, que terá lugar ás 11.00 horas no Auditorio de Chantada, incluirá un coloquio e unha visita ao edificio que albergará o museo, no número 7 da Praza de España.
Este museo susténtase sobre o legado do pintor chantadino, quen tralo seu falecemento, cedeu toda a súa obra pictórica á Asociación para poder crear un museo e centro de promoción das artes na súa vila natal.
Con ese cometido, no 2022 "mercamos unha vivenda no casco antigo de Chantada e xa dispoñemos dun proxecto de restauración listo para crear o futuro ‘Museo Manuel Jorge, Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra’. Os detalles da restauración, así como os obxectivos e mandato do centro cultural, serán presentados ese día, incluíndo unha visita ao futuro museo", explican dende a Asociación, que anima á veciñanza e colectivos implicados na acción cultural de Chantada e comarca a que asistan, para abrir unha conversa sobre as posibilidades deste futuro espazo cultural e a súa conexión coa comunidade próxima.