A Asociación Agora felicitou ao Concello de Monforte polo desenvolvemento de campamentos inclusivos
Os campamentos inclusivos do Concello de Monforte acolleron a doce nenos e nenas de entre 6 e 12 anos e con discapacidade, feito polo cal a Asociación Agora para Persoas con Discapacidade queren trasladar ao Concello os seus parabéns pola organización duns campamentos que permitiron a convivencia de desfrute de menores con discapacidade e sen discapacidade.
O recentemente nomeado presidente de Agora, Isaac Rodríguez, traslada estas felicitacións por unha organización de campamentos “inclusivos e participativos”, segundo dixo e expresou tamén que “supoñen un paso máis no recoñecemento de dereitos nos menores con discapacidade porque as actividades de lecer e tempo libre supoñen unha importante vía de comunicación e desenvolvemento social”.
Colaboración entre entidades
A entidade Agora e o Concello, durante o período de reserva de prazas para os tres campamentos, con duración de quince días cada un, mantiveron unha xuntanza na que a asociación lle trasladou aos representantes municipais a importancia de que foran inclusivos, permitindo tanto a asistencia, participación e convivencia de menores con discapacidade como sen discapacidade.
Algunha das familias destes 12 menores participantes trasladáronlle á entidade Agora a súa conformidade co desenvolvemento destes campamentos nos que din que as fillas e fillos gozaron dunha experiencia na queren resaltar o bo traballo dos monitores e monitoras por facela posible.
“Aínda que queda camiño por percorrer, imos dando pasos para conseguir un Monforte máis inclusivo, dándolle protagonismo a un colectivo como é o da discapacidade que empeza a ter máis presenza cando se organizan actividades de lecer”, expresa o presidente da asociación Agora.