A ANPA CEIP Virxe do Carme de Sober organiza dúas actividades co gallo do 25-N

RibeiraSacraXa
As actividades terán lugar este xoves e venres co obxectivo de concienciar sobre educación en igualdade e a prevención da violencia
masa-nai-2
13 Nov 2024

A ANPA CEIP Virxe do Carme de Sober organiza esta semana dúas actividades dirixidas a prever as violencias co gallo da conmemoración do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero.

A primeira das actividades, titulada ‘Escola de Familias’, está dirixida a persoas adultas e desenvolverase este xoves, 14 de novembro, entre as 16.00 e as 17.30 horas, na Sala Multiusos da Casa da Cultura de Sober. Será “unha actividade dirixida a familias, educadoras ou persoas interesadas en adquirir ferramentas para a educación en igualdade e o acompañamento respectuoso, onde se creará un espazo para a reflexión no cal abordarase o acompañamento das emocións coas crianzas, dende unha metodoloxía dinámica e vivencial”.

A segunda actividade terá lugar o venres, 15 de novembro, baixo o título de ‘Bibliotecas Humanas’, que consistirá nunha “actividade interxeracional onde os libros son persoas e as persoas somos nós”. A actividade permitirá ás persoas participantes afondar nas historias e realidades plasmadas nos libros, “nun espazo onde potenciar o intercambio de saberes comunitarios para a prevención das violencias”. A cita terá lugar entre as 17.30 e as 19.00 horas na Biblioteca Municipal de Sober.

0.19268703460693