A ampliación da planta de Oviganic Ibérica en Monforte, declarada iniciativa empresarial prioritaria
O proxecto de Oviganic Ibérica para a ampliación e modernización da planta produtiva que a empresa ten en Monforte vén de ser declarada iniciativa empresarial prioritaria pola Xunta de Galicia.
Esta declaración permite dar carácter prioritario aos trámites de competencia autonómica para a posta en marcha desta actuación, reducindo os prazos administrativos á metade, ao tempo que se manteñen todos os requisitos técnicos e normativos. O obxecto último é axilizar a execución deste proxecto que contempla a creación de ao redor de 50 novos postos de traballo entre directos e indirectos e investimentos por valor de 16 millóns de euros.
A ampliación e modernización da fábrica –adquirida polo grupo chinés YeePer en 2019– ten como finalidade ampliar a súa capacidade produtiva e mellorar a súa competitividade, construíndo unha nova liña de fabricación de leite en po para alimentos infantís de alta gama e instalando unha planta de elaboración -a partir de nata procedente de leite de ovella, cabra e vaca- de aceite de manteiga, preparado base para a produción doutros produtos alimenticios.
O proxecto suporá a eliminación de custos económicos e medioambientais completando nun mesmo territorio as cadeas de subministración de materias primas e elaboración dos produtos, e implicará aforros enerxéticos importantes no proceso produtivo, o envasado, o transporte e a comercialización. Ademais, a partir do seu deseño como iniciativa tractora que complementa cadeas de valor, prevé dinamizar sectores económicos estratéxicos para Galicia, como as explotacións gandeiras de gando bovino, ovino e caprino.
Oviganic Ibérica vén desenvolvendo de forma innovadora programas de industrialización e comercialización de produtos lácteos destinados á venda no exterior e que comercializa principalmente en China. Ademais da posta en marcha do proxecto declarado hoxe iniciativa empresarial prioritaria, a empresa está a realizar na actualidade investimentos por valor de case 16 millóns de euros para crear dúas novas liñas de desmineralización de soro e de envasado de mestura seca, que suporán un incremento do cadro de persoal a 66 traballadores, 17 máis dos actuais.
Ademais, a Xunta vén de conceder á empresa unha axuda de 3 millóns de euros para apoiar un proxecto enmarcado nos apoios de transformación e comercialización de produtos agrarios que ten como obxectivo fomentar os investimentos para a creación, ampliación e modernización deste tipo de instalacións.