A alcaldesa de Folgoso esixe á Consellería de Sanidade que cubra de forma estable a praza vacante de médico en Seoane

A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, trasladou á Consellería de Sanidade a necesidade urxente de cubrir de maneira estable a praza vacante de médico no centro de saúde de Seoane, unha carencia que, segundo o Concello, está a afectar directamente á atención sanitaria da poboación.
A rexedora asegurou que o goberno local manterá esta reclamación o tempo que sexa preciso. “Non imos parar ata que Seoane conte cun médico de maneira estable. Estamos a falar dun servizo básico e esencial para garantir o benestar e a seguridade dos nosos veciños e veciñas”, afirmou. Neste sentido, subliñou que se trata dunha demanda “xusta e absolutamente necesaria para un concello cunha poboación envellecida e dispersa”.
Desde o Concello de Folgoso do Courel consideran imprescindible que a Consellería de Sanidade mellore as condicións da praza co obxectivo de facela máis atractiva e facilitar así a súa cobertura definitiva. A alcaldesa defendeu a igualdade no acceso á sanidade pública e lembrou que o municipio non pode quedar en desvantaxe con respecto a outros territorios.
Castro incidiu tamén na necesidade de que as prazas médicas dos centros de saúde de Folgoso e Seoane se cubran durante os períodos de vacantes por vacacións ou permisos, evitando que o concello chegue a quedar sen médico incluso en horario de mañá. O obxectivo, sinalou, é “así garantir a asistencia sanitaria en todo o municipio en todo momento”.
Por outra banda, a alcaldesa lamentou que Folgoso do Courel sexa o único concello do sur da provincia de Lugo que non dispón do sistema HADO de hospitalización a domicilio. “Resulta incomprensible que o noso concello quede fóra dun servizo tan necesario, que mellora a calidade de vida das persoas e evita desprazamentos innecesarios”, sinalou.