A agrupación socialista de Bóveda esíxelle ao Goberno local que "se poña a traballar xa polos veciños"
Os socialistas de Bóveda denuncian que o Concello “está baixo mínimos en todo” pola deixadez do Goberno local, como explicou a voceira municipal socialistas, Carmen Macía, quen manifesta a preocupación que lle traslada a veciñanza ante esta situación que evidencia que o Goberno non atende os servizos básicos do municipio.
“Volvemos a ter os contedores do lixo moi cheos, polo que o Concello debe axilizar o servizo para evitar os problemas e os prexuízos que esta situación lle provoca á veciñanza”, sostén.
Ademais, din que a pesar de que saben que o camión que fai a recollida está avariado, "teñen que buscar alternativas para que as bolsas do lixo non se amoreen, porque a acumulación de residuos provoca malos cheiros e dan unha imaxe lamentable”, manifestan os socialistas.
Renovación de contedores, pero non en todo o municipio
Tamén denuncian que o Concello renovou os contadores da auga por uns dixitais, pero só nalgunhas zonas. En concreto, na parroquia de Ver non se cambiaron, e o Concello, detallan os socialistas, leva sen facer lecturas dende o mes de abril.
“Os veciños e veciñas amósanse preocupados porque teñen medo de que cando lles chegue a factura sexa desproporcionada, logo de 7 meses sen facer lecturas. Non é o mesmo ir pagando regularmente mes a mes a que de repente pagues máis de medio ano todo xunto. Para moitas familias pode supoñer un prexuízo gravísimo”, sosteñen desde o PSOE.
Así mesmo, outro exemplo que resaltan os socialistas é que o Goberno local "non cambia as lámpadas do alumeado público que están fundidas". Así, explican que hai barrios e casas que están sen luz "porque non levan un control nin fan seguimento das necesidades básicas que temos no municipio".
Ademais, fan referencia a que a situación agora é que "anoitece antes, polo que moitas casas quedan na penumbra por culpa de non atender estas cuestións que nos parecen primordiais”, detallan, baseándose nas queixas da veciñanza".
Por todo isto, din estar contando tres exemplos "evidentes de que este Goberno actúa con desgana e sen pensar nos problemas que teñen os nosos veciños e veciñas e pedímoslle que se poña a traballar xa”, instan dende a agrupación socialista de Bóveda.