A agrupación C@urel Vivo solicita no pleno máis axudas e a restrición da plantación de piñeiros

RibeiraSacraXa
A agrupación C@urel Vivo solicita no pleno a restrición de lugares para plantación de piñeiros e solicita máis axudas
courel lume
30 Ago 2022

Dende a agrupación municipal de C@urel Vivo veñen de presentar unha proposta para o vindeiro pleno para a restrición dos lugares de plantación de piñeiros e para a solicitude de máis axudas nas plantacións autóctonas como protectoras contra futuros lumes.

“Queremos que o equipo que dirixe o concello use todas as ferramentas para restrinxir as novas plantacións de especies arbóreas pirófitas, separándoas das aldeas e establecendo unha distancia mínima de polo menos 800 metros aos núcleos, para seguridade das aldeas e veciñanza”, declara Óscar Carrete, voceiro do grupo municipal C@urel Vivo.

Carrete afirma tamén que “por outro lado cremos que seria necesaria o establecemento dunha taxa municipal á plantación de piñeiros para incentivar a plantación de outras especies como os castiñeiros que nos salvaron da fame noutros séculos e neste século, salvaron moitas aldeas do lume”.

“Dita modificación é básica para a protección de todos xa que, como vimos, onde hai piñeiros ou eucaliptos o lume salta de copa en copa a quilómetros. Por poñer un exemplo para quen non o viu saltar no devastador incendio do Courel; cruzou dunha ladeira á outra a 1,2 quilómetros de distancia. Tales modificacións débense incluír no Plan de Ordenación (PXOM) recentemente aprobado e no Plan de Prevención de Riscos contra incendios. Hai concellos que xa recolleron no planeamento restricións ás especies pirófitas, como é o caso do concello de Sober onde establece unha distancia para plantación de arbores pirófitos e recolle tamén a normativa de non poder plantar eucaliptos” explica o voceiro de Óscar Carrete C@urel Vivo.

Este grupo municipal solicita neste pleno municipal: en primeiro lugar establecer unha franxa de protección ampla arredor das áreas habitadas de 800 metros e que non se poida repoboar coas especies coma piñeiro do país, piñeiro bravo, piñeiro de Monterrei, piñeiro de Oregón, mimosa, acacia negra e eucalipto.

En segundo lugar, fomentar que nas novas plantacións se empreguen preferentemente especies autóctonas establecendo unha taxa sobre especies foráneas que irá en escala crecente, segundo a súa potencial perigosidade (a escala require o asesoramento técnico de profesionais).

E en terceiro e último lugar, solicitarlle á Xunta de Galicia que en axudas futuras á plantación, non teñan tanta burocracia para caducifolias tendo en conta que para piñeiros dan todas as facilidades do mundo.

0.18557906150818