A actual pasarela sobre o río Cabe que une Sober e Pantón será substituída por outra nova
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), xunto cos concellos de Pantón e Sober, rubricaron o protocolo que establece o marco de colaboración para o financiamento, execución e entrega dunha nova pasarela peonil na desembocadura do río Cabe
O presidente da entidade, José Antonio Quiroga, e os alcaldes, José Luis Álvarez e Luís F. Guitián, así o decidiron ao visitar a ponte no encoro de San Pedro, sobre o río Sil, que substituirá á existente.
A actual pasarela sobre o río Cabe, augas arriba da ponte da Barca, ten 64,5 m de luz, non cumpre coa normativa actual e as recorrentes inundacións poñen en perigo a súa estabilidade.
A nova pasarela, que manterá a localización actual, terá unha lonxitude de 130 m, con 4 pilas e cinco vans, dando cumprimento a todos os requisitos establecidos no Plan hidrolóxico. Esta conectará ambas as marxes do río Cabe a través dos municipios lucenses de Pantón (marxe dereita) e Sober (marxe esquerda).
“É unha actuación moi demandada polos veciños que nace co obxectivo de mellorar a mobilidade, a seguridade e a comunicación de 2 lugares, 2 parroquias e de 2 municipios ribeiregos unidos en torno ao río”, explicou Quiroga. É unha forma de abrir novas posibilidades de roteiros e destinos para visitantes, nun lugar emblemático da provincia, como é a Ribeira Sacra” concluíu.
Os traballos consistirán na demolición por completo da pasarela existente, a construción dunha nova, e o acondicionamento dos accesos existentes en ambas as marxes do río.
Dado que a área de actuación atópase dentro dunha zona declarada como Ben de Interese Cultural e catalogada como Rede Natura 2000 e Reserva da Biosfera, a solución definitiva que se adopte no proxecto construtivo deberá de contar previamente cos informes favorables das administracións competentes en materia de Patrimonio Natural e Cultural.
O importe estimado para a execución das obras descritas supera os 1.350.000 euros, incluíndo o custo de redacción do Proxecto, a execución do contrato de obras, así como a dirección facultativa do mesmo.