A actividade 'Escapada á Guimaralia' celebrarase a vindeira fin de semana
O Albergue da Pobra do Brollón lanza unha proposta dunha fin de semana de camiñadas, cata musical e visitas culturais baixo o nome ‘Escapada á Guimaralia’.
Trátase dunha fin de semana completa para coñecer a riqueza cultural, patrimonial e paisaxística do municipio. Ofértase un conxunto de actividades, incluíndo durmida e todas as comidas, dende a tarde do sábado 8 ata a tarde do domingo 9 de xuño. As actividades do sábado terán lugar na parroquia de Vilachá de Salvadur.
Proponse un paseo pola Ribeira Sacra atravesando viñedos e con visita guiada ao xacemento de Os Conventos e a xornada acaba cunha cata musical nas adegas medievais de Vilachá para degustar viños locais entre as cancións do veciño e músico Suso 40.
O domingo comeza cun paseo polo Camiño de Inverno pasando polo Casco Histórico da Pobra do Brollón, onde se fará unha pequena visita guiada. A ruta continúa ata o Castro de San Lourenzo en Cereixa, e remata no lugar de memoria histórica da Casa de Repil. O día péchase cunha comida no Fogón en Cereixa, a primeira parrillada da provincia de Lugo.
O prezo son 65 euros por persoa que inclúe todas as actividades, a cea do sábado, o almorzo e xantar do domingo, e durmida no Albergue da Pobra do Brollón. É preciso reservar praza antes do 2 de xuño. Para máis información e reservas hai que contactar co albergue no teléfono 609 490 941.