A acordeonista Marta Cubas actuará maña sábado en Sober
Dentro do programa Música no Outono, o concello de Sober contará maña sábado día 8 coa actuación da acordeonista Marta Cubas. O concerto das Xuventudes Musicais será ás 20.00 horas no Centro Sociocultural de Sober.
O concello de Sober, en colaboración coas Xuventudes Musicais de Sober, bota a andar o sábado o programa Música no Outono cun concerto da acordeonista Marta Cubas. Este concerto recolle obras que mostran algúns dos diferentes estilos que atravesou a música, embarcándonos nunha viaxe espazo-temporal que comeza en Nápoles ao redor do ano 1700 e finaliza en Nova York no século XXI, percorrendo épocas que van desde o Barroco ata o Contemporáneo. Nesta travesía vense reflectidos os cambios nas técnicas compositivas e como se vai xerando unha necesidade de innovación a través dos recursos sonoros dos instrumentos.
A actuación será no Centro Sociocultural de Sober a partir das 20.00 horas con entrada gratuíta.
Marta Cubas
Marta Cubas Hondal (2002) é unha acordeonista que destaca pola súa gran capacidade de comunicación, sensibilidade e virtuosismo, cun amplo repertorio que abarca desde o barroco ao contemporáneo. Compositores como Alejandro Vivas, Alexander Yasinski ou Gorka Fermosa escribiron concertos expresamente para ela, estreados con orquestras como a Orquestra Metropolitana de Madrid, Nova Orquestra Sinfónica Ataúlfo Argenta ou a Nova Orquestra Sinfónica de Salamanca. Ofreceu recitais no Palacio de Festivais de Santander, no Festival de Camargo, e foi convidada pola Embaixada de España en Turquía para realizar un recital en Istambul.
Marta foi galardoada en máis dunha vintena de certames, destacando o Certame Nacional Intercentros Melómano, Concurso Mocidades Musicais de España, Concours Internacional Accordéons-nous (Mons), Trofeo Mundial de Acordeón (Portimao), Concurso Nacional de Novos Intérpretes Ciudad de Cuenca, Concurso Instrumental Sant Anastasi de Lleida ou o Certame Guipuscoano de Acordeón de Arrasate na categoría maior de 18 anos, converténdose na súa gañadora máis nova.
Na súa faceta camerística destaca o dúo que mantén xunto coa súa irmá Cristina Cubas, violinista, coa que, ademais de gañar o primeiro premio no Concurso Sant Anastasi (Lérida), realizou unha xira de concertos acompañándoa como gañadora do “XIII Certame Nacional Intercentros Melómano” en Clásicos de Verán, Festival Fiapmse (Selecta), Fundación Botín ou o Festival Internacional de Panticosa, entre outros, e coa que gravou o CD Vínculos.