A 51 Subida a Chantada converterase esta fin de semana no epicentro do automobilismo estatal

A vila de Chantada prepárase para vivir unha fin de semana cargada de emoción e velocidade coa celebración da 51ª edición da Subida a Chantada, unha das probas de montaña máis emblemáticas do calendario automobilístico español. O evento, organizado pola Escudería Chantada, conta co respaldo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achega 18.000 euros para a súa realización.
A cita, que terá lugar entre o venres 26 e o domingo 28 de xullo, é a única en Galicia que forma parte do Campionato de España de Montaña, e reunirá a 102 pilotos, entre eles algúns dos principais aspirantes ao título nacional como Joseba Iraola.
O percorrido da proba desenvolverase ao longo de 4,3 quilómetros na estrada comarcal C-533, entre Ponte Vella e a intersección coa vía que conecta Chantada e Monforte de Lemos. A competición comezará o venres coa verificación técnica dos vehículos e unha cerimonia de saída que terá lugar ás 21.00 horas no centro urbano chantadino. O sábado celebraranse dúas mangas de adestramento e a primeira carreira oficial, mentres que o domingo terán lugar a terceira subida de adestramentos e as dúas últimas subidas puntuables.
Durante o acto de presentación, celebrado este mediodía, a deputada provincial Iria Castro puxo en valor a continuidade dun evento que, segundo destacou, “amosa a forza do tecido deportivo da provincia e a paixón que esperta o automobilismo en Galicia, especialmente nas comarcas do sur de Lugo”.
O apoio á Subida a Chantada forma parte da liña estratéxica da área de Deportes da Deputación, que promove esta disciplina a través de diversas iniciativas. Entre elas atópanse as axudas directas ás escuderías e pilotos, así como o programa Volante Deputación, unha plataforma pensada para facilitar a entrada de novos talentos no mundo da competición.
Con máis de medio século de historia, a Subida a Chantada é xa unha referencia no automobilismo estatal, tanto polo seu nivel deportivo como pola implicación do público, que cada ano acode en masa para seguir unha carreira que combina tradición, espectacularidade e un alto nivel competitivo.