A 50ª edición da Subida a Chantada terá lugar a vindeira fin de semana
A Subida a Chantada cumpre este ano 50 anos desde a primeira vez que se celebrou e este ano desenvolverase os días 26, 27 e 28 de xullo, que punturará para o Campionato de España de Montaña.
Nesta edición, participará Jordi Gaig Sarda, gañador Categoría 1 Subida a Chantada 2023; Joseba Iraola, gañador Categoría 2 Subida a Chantada 2023; e Javier Vila, gañador Categoría 3 Subida a Chantada 2023.
Desde a organización do evento, din que cumprir 50 edicións unha proba automobilística “é algo moi especial”. Chegar ás “vodas de ouro” e facelo como o fai a a Subida a Chantada, “cun palmarés envexable por calquera proba da montaña nacional, é un logro e un éxito ao que se chegou grazas ao incansable labor de todas aquelas persoas que, desde Estanislao Reverter ata Alfonso Viana, traballaron, e colaboraron, cunha proba que é xa unha auténtica icona do Automobilismo español e a maior expresión das carreiras en costa de Galicia”, sosteñen.
Así, lembran cando no ano 1969 o creador da proba lograba a primeira vitoria no trazado da ribeira chantadina. Un Estanislao Reverter que, cun Porsche 911 S, inauguraba unha extensa lista de grandes pilotos que forxaron “unha historia única, a do evento de maior importancia da comarca e un dos principais emblemas deportivos da provincia de Lugo e polo tanto de Galicia”, defenden.
Ademais, mencionan mitos do deporte, como Robert Giannone, Juan Fernández, Jean Claude, Andrés Vilariño, Fermín Vélez, Pancho Egozkue, Aitor Zabaleta -entre outros- que deron paso ás grandes figuras actuais como Javier Villa, Joseba Iraola ou Christian Merli; que “deixaron na incomparable paraxe que acolle a carreira a súa pegada marcada con letras de ouro para a historia do Automobilismo español”.
Así, conclúen que esta edición será “excelente e emocionante, nunha competición de máximo nivel nunha localidade acolledora e emblema de Galicia, como o é Chantada, onde todos os afeccionados sentiredes como na vosa casa, celebrando as cinco décadas de historia da nosa Subida”.