A 14ª edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico 2023-24 foi inagurada en Monforte
A 14ª edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico 2023-24 foi inagurada en Monforte e permanecerá exposta na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro ata o vindeiro 30 de outubro de 2024.
No acto inaugural, o alcalde, José Tomé, estivo acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, pola concelleira de Cultura, Marina Doutón, polo concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada e polo técnico de Cultura, Carlos Rodríguez.
A 14ª edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico 2023-24 iniciou a súa itinerancia en Lugo, cidade na que tivo lugar a inauguración e entrega de premios o 23 de novembro de 2023. Despois de Lugo, a exposición pasou por Braga, Bragança, Maia, Ribeira, Felgueiras, Vila Real, Vila Nova de Gaia, Barcelos e remata agora en Monforte de Lemos, que acolle a Bienal ata finais de outubro.
As obras gañadoras desta edición foron: 'Corpo da Paisagem', de Ricardo Campos, que recibiu o primeiro premio dotado con 4.000 euros; 'Dactilografia de um Sonho', de Margarida Gomes, cun segundo premio dotado con 2.000 euros; e 'Nem uma passa?', de Gonçalo Ribeiro, galardoado co premio Novos Talentos, dotado con 1.500 euros.
En total, a exposición está composta por 25 obras inéditas, contando cunha gran variedade de estéticas e técnicas, de artistas galegos e portugueses.
A selección, de entre as 104 presentadas a concurso, correu a cargo do xurado que nesta edición estivo formado por: Helena Mendes Pereira, que o presidiu; Sara Pérez Bello, designada pola Xunta de Galicia; João Ribeiro da Silva, designado pola ex Direção Regional de Cultura do Norte; Patrícia Oliveira, designada polo Instituto Português do Desporto e da Juventude; e Tito Senna, gañador da XIII Bienal.
Paralelamente ás exposicións en espazos físicos, a Bienal de Pintura volve a contar coa súa galería virtual, para chegar ao público que non poida visitar a mostra de forma presencial.