50.000 euros para mellorar as instalacións deportivas de Bóveda
A Xunta de Galicia concedeulle unha subvención ao Concello de Bóveda para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal con carácter plurianual.
En concreto, o Goberno local recibirá 50.000 euros de axuda repartidas en dúas anualidades; 23.528 euros en 2023 e 16.472 euros no ano 2024, que vai destinar a realizar melloras no pavillón deportivo municipal.
O Concello de Bóveda solicitou esta axuda ante as deficiencias que presentan as instalacións do pavillón polideportivo municipal, que precisan dunha serie de actuacións que permitan mellorar o seu estado para conseguir un mellor funcionamento de cara a mellorar a funcionalidade e prestacións das instalacións.
Así, as obras proxectadas van encamiñadas, entre outros obxectivos, a mellorar a eficiencia das instalacións, as súas prestacións e a seguridade das instalacións, incluíndo a renovación da iluminación interior e a instalación de auga quente sanitaria.
MELLORAS
Os traballos consistirán na renovación do pavimento entre a entrada e a pista deportiva, que se atopa en mal estado; renovación de paredes e teitos da zona de entrada, instalación de novas portas de acceso, -a principal dotada con apertura mediante teclado con código-, substitución dos vidros rotos da fachada, construción dunha escaleira de acceso lateral, instalación de novas luminarias LED e renovación da instalación eléctrica, e instalación de auga quente sanitaria.
O alcalde, José Manuel Arias, precisa que esta actuación que vén de solicitar o Concello de Bóveda “vai permitir reducir o consumo enerxético, cun aforro importante económico e de enerxía e incrementar as prestacións das instalacións, ao tempo que se garante a súa seguridade”.